Ir ao contido

Crear e publicar un cuestionario

Un cuestionario sae dun tipo, coas súas preguntas. Ao crealo escolles a quen chega, cando se publica e cando se pecha. Os que tratan sobre un proxecto ou sobre unha persoa do proxecto, como a avaliación dunha dirección invitada, créanse desde o proxecto.

  1. Entra en Actividade › Cuestionarios, ou na lapela Cuestionarios do proxecto, e preme Novo cuestionario.
  2. En Xeral, escolle o tipo e, se o pide, a persoa avaliada. Esa persoa nunca recibe o cuestionario nin ve os seus resultados. Revisa o título e oculta as preguntas que non se apliquen; as fixas non se poden ocultar.
  3. En Persoas destinatarias, escolle de onde saen: Persoas convocadas do proxecto, Toda a institución ou Só persoas concretas, e se é só o cadro de persoal estable ou tamén os reforzos. Se xa se publicou ou programou outro cuestionario dese tipo, empeza cos mesmos criterios e indícao arriba: Como a última vez con este tipo. Para escollelos desde o principio, preme Comezar de cero.
  4. Para acoutar, escribe no buscador unha agrupación, unha sección, un instrumento, unha categoría ou un departamento. Se escribes o nome dunha persoa, engádela ou quítala. Abaixo ves a cantas persoas chegará.
  5. En Datas, decide cando se publica (cando ti queiras, nunha data ou, nun proxecto, ao rematar o seu último servizo) e cando se pecha.
  6. En Resultados, escolle quen poderá velos.
  7. Garda. O cuestionario queda en borrador, e só o ve quen o prepara.

Na ficha do cuestionario, preme Publicar agora, ou Programar a publicación se escolliches unha data ou o final do proxecto: publicarase só. Ao publicalo, as preguntas e as persoas destinatarias quedan fixas, e quen o recibe atópao no seu Os meus cuestionarios.

Ao publicalo sae Publicado, con cantas persoas o recibiron e a ligazón e o QR para compartilo. Publicar non avisa a ninguén, nin por correo nin na app. Para avisar, preme Enviar por correo, aí, na tarxeta Compartir da ficha ou en Compartir do menú ⋮ da lista, mentres estea publicado: ábrese un comunicado novo co cuestionario dentro e as súas persoas destinatarias. A primeira vez vai a todas; despois podes mandalo só a quen non respondeu. Nun anónimo, ese comunicado non amosa a quen chega, só a cantas persoas. Con ese correo, e co seu lembrete, quen ten a app e aínda non o respondeu recibe tamén a notificación Cuestionario pendente.

Un cuestionario anónimo necesita polo menos 5 persoas destinatarias. Con menos, o anonimato non existe e non se pode publicar.

  • En Participación ves cantas persoas responderon, en total e por grupo. Nun anónimo nunca se ve quen, e un grupo de menos de 5 persoas non se amosa por separado.
  • Pechar agora deixa de admitir respostas. Se ten data de peche, péchase só; podes movela con Cambiar a data de peche.
  • Un pechado pódese abrir de novo con Publicar de novo, con outra data de peche. Quen xa respondeu non responde outra vez.
  • Mentres ninguén respondese, Volver a borrador despublícao e déixache cambialo todo.
  • Arquivar saca da lista un pechado. É definitivo: un arquivado non se pode publicar de novo.

As mesmas accións están no menú ⋮ de cada cuestionario na lista.

Na lapela Informe da ficha: un con nome, desde que se publica; un anónimo, ao pechalo. Como lelo e descargalo, en Ver o informe dun cuestionario.

Cada cuestionario publicado ten a súa ligazón e o seu QR, que son o mesmo, na tarxeta Compartir da súa ficha.

  • Se é Só persoas destinatarias, o QR leva a quen o recibiu a respondelo coa súa conta. Serve, por exemplo, para o taboleiro da sala de ensaio.
  • Se é Público, calquera persoa coa ligazón ou o QR responde sen conta, unha vez por dispositivo. Para abrilo, activa Tamén persoas sen conta, coa ligazón; aparece se o tipo de cuestionario o permite. As respostas pola ligazón cóntanse á parte das das persoas destinatarias.
  1. En Ligazón, copia a ligazón co botón do lado. En Código QR, preme Descargar e escolle o cartel para imprimir en A4 ou A5, o QR como imaxe ou o QR para programas de deseño.
  2. Para a pantalla dunha sala, preme Proxectar: o QR sae a pantalla completa co título.
  3. Se a ligazón chegou a quen non debía, no menú ⋮ da tarxeta preme Cambiar a ligazón e o QR. A ligazón e o QR de antes deixan de funcionar no momento, tamén os impresos.

Para que o cartel lle chegue a quen o vai imprimir ou proxectar, como a imprenta ou o equipo de sala:

  1. Na tarxeta Compartir, preme Enviar o cartel. Ábrese Enviar o cartel por correo.
  2. Escribe os correos, ata 20. Sepáraos con coma, punto e coma, espazo ou Intro, ou pega unha lista. Os que non son válidos saen en vermello.
  3. Escolle o tamaño, A4 ou A5, e o Idioma do correo e do cartel.
  4. Se queres, escribe unha Mensaxe (opcional), e envíao.

Chégalles un correo co cartel en PDF anexo e a ligazón do cuestionario.

Para que respondan persoas que non están en Weikos, como o profesorado dos centros dun programa educativo, cada unha coa súa propia ligazón. Pódese se o tipo de cuestionario admite persoas sen conta e o cuestionario está publicado; non fai falta abrir a ligazón pública.

  1. Na ficha do cuestionario, preme Convidar por correo, na tarxeta Compartir ou no bloque Invitacións por correo de Seguimento.
  2. Escribe ou pega os correos, ata 200, separados por coma, punto e coma ou Intro. Se os copias do teu programa de correo co seu nome, como Ana López <ana@ejemplo.com>, gárdase tamén o nome.
  3. Escolle o Idioma do correo e da páxina, escribe unha mensaxe se queres e preme o botón de invitar.

A cada persoa chégalle unha ligazón persoal que só vale para responder unha vez. Non se invita a quen xa recibe o cuestionario coa súa conta, que o responde en Weikos, nin dúas veces ao mesmo correo.

  • Nun con nome, o bloque Invitacións por correo amosa cada persoa co seu estado, como Enviada, Respondida ou Revogada. Para deixar sen valor a ligazón dunha persoa, no seu menú ⋮ preme Revogar invitación. As súas respostas saen no informe co seu nome, marcadas como Invitación.
  • Nun anónimo, só ves cantas persoas invitadas responderon, nunca cales. Con menos de 5 invitacións non se ve nin iso, porque diría quen son.

Para insistir a quen non respondeu, preme Enviar lembrete a quen falta: chégalles outra vez o correo, coa mesma ligazón. As respostas das persoas invitadas cóntanse á parte das das persoas destinatarias.

  • Non podes publicar un anónimo. Ten menos de 5 persoas destinatarias. Amplía as persoas destinatarias ou fai o cuestionario con nome.
  • Non aparece Volver a borrador. Alguén xa respondeu. Podes pechalo e crear outro.
  • Non podes eliminalo. Xa ten respostas: arquívao para quitalo da lista.
  • Programado para o final do proxecto, non se publica. O proxecto non ten servizos dun tipo que conte para as súas datas, ou o último aínda non rematou. Os tipos de servizo que contan escóllense en Configuración › Tipos de servizo.
  • Alguén non o recibe. Non ten conta en Weikos, non cumpre os filtros ou é a persoa avaliada. O paso das persoas destinatarias avisa de quen non ten conta. A quen non ten conta podes invitala por correo.
  • O cartel non se envía. Algún correo non é válido: corríxeo ou quítao; saen en vermello. Envíase a 20 correos como moito dunha vez.
  • Non aparece Convidar por correo. O tipo de cuestionario non admite persoas sen conta, ou o cuestionario non está publicado. O primeiro cámbiase no tipo, en Quen responde.
  • A unha persoa invitada non lle chega o correo. Que o busque no correo non desexado. Revisa que o seu correo está ben escrito; se non, invítaa co correcto. Se a súa invitación está Revogada, a súa ligazón xa non vale: invítaa de novo.
  • A persoa invitada di que a súa ligazón xa non deixa responder. A ligazón serve para responder unha vez e xa se usou.