Ir ao contido

Preparar os tipos de cuestionario

Cada cuestionario sae dun tipo: a avaliación da dirección convidada, a enquisa de satisfacción do proxecto ou a recollida de datos dunha xira. O tipo garda as preguntas, se as respostas son anónimas ou levan nome e os prazos, para que crear cada cuestionario sexa cuestión de escoller a quen chega e cando.

  1. Entra en Configuración › Axustes xerais › Tipos de cuestionario e preme Novo tipo.
  2. Escolle Comezar de cero ou un dos modelos de Weikos: avaliación da dirección convidada, satisfacción do proxecto, satisfacción do público, clima do cadro de persoal e datos para unha xira. Ao premer un modelo, velo á dereita tal como o verá quen responda, e podes respondelo para probalo. Con Partir deste modelo, o configurador ábrese xa cuberto: cambia o que necesites nos pasos seguintes. O que cambies é da túa institución; o modelo non cambia.
  3. En Xeral, escribe o nome, para que serve e o título que terá cada cuestionario. O título pode levar variables, como {proxecto} ou {persoa avaliada}, que se cobren cos datos reais.
  4. En Sobre que ou sobre quen, escolle se é unha enquisa xeral, sobre o proxecto ou sobre unha persoa do proxecto, como un director ou directora, un ou unha solista ou unha persoa do equipo técnico.
  5. En Preguntas, engade seccións e preguntas. Hai preguntas para valorar (matriz, escala, NPS e ordenar), para escoller (si ou non, opción única, opción múltiple e confirmación), para escribir un dato (texto curto, texto longo, número, data e ficheiro) e textos informativos.
  6. Marca Obrigatoria nas que haxa que responder e Fixa nas que non se poidan ocultar ao crear un cuestionario: son as que che permiten comparar uns con outros.
  7. En Quen responde, escolle Anónimo ou Con nome e o grupo co que queres comparar as respostas.
  8. En Prazos e avisos, decide cando se pecha e o lembrete: cantos días antes do peche Weikos manda, por si só, unha notificación a quen ten a app e aínda non o respondeu, sen que saibas a quen. Déixao baleiro se non queres lembrete. Garda.

Mentres o preparas, a vista previa da dereita amosa o cuestionario como o verá quen o responde. Podes respondelo para probalo: non se garda nada.

Para pedir unha ligazón, engade un texto curto e escolle o formato Ligazón. Vale con https:// ou sen el e con www ou sen el. Se queres un sitio concreto, como o perfil de LinkedIn, escríbeo en Debe ser de: linkedin.com.

  • Anónimo: a túa institución non sabe quen respondeu nin que. Só se garda un grupo grande, como a familia instrumental, e os grupos de menos de 5 persoas xúntanse con outro.
  • Con nome: cada resposta leva o nome da persoa. É o que serve para recoller datos, confirmacións e propostas.
  • Non ves a tarxeta de tipos de cuestionario. O teu rol de acceso non o permite, ou a túa institución non ten os cuestionarios activados.
  • Non che deixa gardar unha pregunta de ligazón. A web de Debe ser de ten que ser un dominio, como linkedin.com.